Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2024

TEMPO de DESMILITARIZAR

TEMPO de DESOBEDECER

Vivimos con guerras, conflitos armados e xenocidios, máis de 50, espallados polo mundo.

E Vivimos tempos que parecen anunciar novas guerras, mesmo de natureza nuclear. Día tras día escoitamos voces chamando a prepararse para a guerra, a dedicar cada vez máis recursos á súa preparación. Son tempos de militarización e rearme por parte dos estados.

Levamos anos asistindo, antes da guerra de Ucraína ou do xenocidio en Gaza, a un gran aumento do gasto militar e do diñeiro destinado á adquisición de armas. E como xa sabemos, á hora de elaborar os orzamentos xerais do Estado, o que se dedica a unha área, vai en detrimento doutra; o que se gasta en armamento e gasto militar, prexudica ao destinado a mellorar a calidade de vida da poboación, como a saúde, educación, vivenda, servizos sociais, loita contra a crise climática, desigualdade de xénero ou cultura.

Por outra banda, e non menos grave, esta deriva militarista do Estado español, da UE, da OTAN e do conxunto do mundo parece levarnos a un mundo máis bélico e inseguro. Esta carreira armamentística aumenta as posibilidades de novos conflitos. Ao longo da historia vimos moitas veces que a preparación para a guerra leva inexorablemente á guerra e que a paz só se consegue preparándose para ela.

Está nas nosas mans resistir estes preparativos: negar os nosos corpos, negar as nosas mentes e negar os nosos recursos para alimentar esta carreira cara á guerra, desobedecendo ás guerras nos traballos, nos impostos, e en todos os aspectos das nosas vidas.

Así, propoñemos, con máis validez que nunca, a obxección fiscal como forma de resposta mediante a desobediencia á loucura da guerra e os seus preparativos. A obxección fiscal preséntase, deste xeito, como medio para construír unha auténtica seguridade ante a falsa seguridade que proporciona a estrutura

militar.

Temos que construír e financiar, coa obxección fiscal, unha seguridade integral, apoiando a organizacións e proxectos alternativos que contribúan a garantir os dereitos e liberdades que realmente valen a pena.

Reclamamos:

  • Redución dos gastos militares, desmilitarización dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) e reorientación dos gastos militares para gastos sanitarios e sociais.
  • Recoñecemento da Obxección Fiscal como forma lexítima de protesta e de coherencia coa cultura da paz, como a obxección de conciencia.
  • Transparencia nos OXE, na distribución dos recursos públicos e nas prioridades políticas, e rendición de contas.
  • Fin das autorizacións de envíos ilegais de material bélico a países en conflito e con indicios de uso das armas para vulnerar o dereito internacional humanitario e os dereitos humanos.
  • Reorientación das industrias armamentísticas para a produción de bens e recursos sanitarios e hospitalarios.
  • Prohibición da exportación marítima de armamento e do atraque en portos españois de “barcos da morte” destinados ao transporte de armamento e explosivos.
  • Fin da militarización das fronteiras, a externalización da xestión do control fronteirizo e do bloqueo de persoas migrantes en Canarias.
  • Cumprimento das cotas de acollida de persoas refuxiadas e fin das deportacións e devolucións “en quente”.

Actuar agora é esencial para esixir aos gobernos políticas centradas nas necesidades sociais e na seguridade humana.

Vigo, Espazo Aberto Antimilitar, primaveira 2024.


O Gasto Militar

O gasto militarizado consumado para o ano 2023 pode rondar enredor dos 48.833,33 millons de euros (a maior parte agochado noutros ministerios) e si sumamos o adicado a control social a cifra dispárase os 55.790,88 (Informe Gasto Militar 2024). Para este 2024 subirá

A seguinte pregunta a facerse... ¿Non seria mellor empregarlos en defendernos do que realmente nos importa? Adicarllos a protección social, á sanidade pública, investigación, ou a colectivos socias que directamente estan a loitar para defendernos das verdadeiras agresions que moitas sofremos.

Obxección fiscal

A Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en, á hora de facer a Declaración da Renda, non pagar ao Estado os cartos que este dedica á guerra e á sua preparación. A OF non supón evadir impostos, senón desviar cara proxectos sociais a cantidade que sería destinada a fins militares.

Aínda que non teñamos a obriga de pagar o IRPF, tod@s pagamos impostos cos que, queramos ou non, se financia o militarismo. Do mesmo modo, a Obxección Fiscal a podemos facer tod@s. E, se non queremos recorrer á OF, aínda podemos reclamar do goberno que o direito a non colaborar cos gastos militares sexa recoñecido e respeitado.

POR QUE OBXECTAR?

Consideramos que o mellor xeito de resolución dos conflictos entre os pobos é o diálogo, a cooperación e a solidariedade.

Cremos que o principal camiño para conquerir un mundo en paz é favorecer a xustiza. E non estamos de acordo co destino militarista nen coa forma en que son utilizados os nosos impostos (directos e indirectos)

QUE PROPOÑEMOS?

Ao Estado: a progresiva diminución do gasto militar até a súa eliminación e, por conseguinte, a desaparición dos exércitos.

A todas as persoas e movementos sociais: a desobediencia civil, por medio da O.F., frente á imposición de colaborar co militarismo.

Destinos

Dende o Espazo Aberto Antimilitar propoñemos dentro da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares deste ano varios destinos aos cales podedes enviar os cartos que desviedes nas vosas declaracións:

  • ISM Estado Español: o movmento de Solidariedade Internacional (ISM polas súas siglas en inglés) é un movemento liderado por palestinos comprometidos a resistir a longa e sistemática opresión e desposesión da poboación palestina, a través dos principios e métodos da acción directa non violenta.
  • ASEIA Galicia: Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia é unha asociación especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias.

Ademais desta proposta podedes destinar os cartos ao Espazo Aberto Antimilitar. Os ingresos os podedes facer neste nº de conta ES49 1491 0001 2630 0008 8601 e non esquezades sinalar o proxecto ao que queredes destinar estes cartos.

Lembrade comunicar que fixestes a OFGM enviando un email a espazoantimilitar(arroba)riseup.net indicando a contía e o destino dos teus cartos. Con esa información todos os anos faise un informe estatal sobre a campaña.

Podedes consultar os resultados da campaña 2023 aquí

Como facela

Antes de comezar lembra que TODO O MUNDO PODE FACER OBXECCIÓN FISCAL AO GASTO MILITAR

O estado recada impostos durante todo o ano a todas as persoas da sociedade, e o fai de moitas formas, non só mediante o IRPF. Deste diñeiro destina unha gran parte -884 € por persoa no ano 2017- para o exército, a policía e a preparación de guerras. A declaración do IRPF supón unha magnífica oportunidade de recuperar este diñeiro e destinalo a un fin xusto.

Por iso lembrámosche que:

  • Calquera persoa, teña ou non ingresos, teña ou non nómina, estea ou non dada de alta, pode facer a declaración de Facenda e reclamar este diñeiro ao estado para desvialo a un proxecto alternativo pola Paz e non violencia.
  • A declaración pódeche saír a pagar, a devolver ou de cota cero. En todos os casos podes obxectar.
  • Se a declaración mándancha xa feita (o borrador), NON a confirmes. Podes aproveitar ese borrador para realizar a túa declaración de IRPF utilizando o programa web da Axencia Tributaria, incluíndo a Obxección Fiscal ao Gasto Militar. Pódela realizar ti mesma ou encargarllo a unha xestoría. Explicámolo de forma máis detida:

Como se fai exactamente a obxección?

Propoñémosche dúas maneiras de facela:

  • Cota fixa: tendo en conta que o estado destinou este último ano 884 euros por persoa para fins militares, esta podería ser unha boa cantidade a obxectar. Con todo desde colectivos como Alternativa Antimilitarista- MOC lanzouse este ano a campaña "Nin un euro para a guerra", animando ás persoas obxectoras a desviar un simple e simbólico euro dos seus impostos co fin de que podamos ser moitas as persoas que fagamos obxección ao gasto militar e que, mesmo, podamos recorrer sen riscos nin complicacións no caso de que Facenda non acepte a nosa obxección.
  • Cota aberta: Dado que o estado ten tantos medios de recadar o noso diñeiro, resulta complicado determinar cal foi a cantidade exacta que nos cobrou ao longo de todo un ano. Con todo a OFGM é, ante todo, unha acción pública e colectiva de denuncia ao militarismo e unha interpelación á sociedade. É moito máis importante o feito de obxectar que a cantidade obxectada; por iso, calquera cantidade, por pequena que poida ser, é válida.

En ambos os casos, incluír a obxección na declaración do IRPF é moi fácil:

  • Realiza un ingreso bancario á entidade cara á que desexas desviar o diñeiro do gasto militar, pola cantidade que decidiches obxectar. Que a Obxección Fiscal ao Gasto Militar apareza nomeada no asunto da transferencia. Garda o comprobante.
  • Modifica a declaración da renda no programa web da Axencia Tributaria ata chegar ao apartado de “Retencións e demais pagos a conta”. Emprega un dos subapartados que non utilices (recomendámosche a casa 606) e nese lugar engade a cantidade que vas obxectar (un euro, ou calquera cota aberta que haxas decidido). Se non tiñas que facer declaración ou non desexabas facela, só tes que entrar á web da Axencia Tributaria, solicitar o teu borrador (moi fácil de facer) e anotar a cantidade que desexas desviar na casa 606. O programa informático recalcula toda a declaración de forma automática. Mesmo aínda que os teus ingresos fosen de cero euros.
  • Termina normalmente o resto da declaración, sen esquecer que o “Resultado da declaración” ten que verse diminuído -se é “a pagar”- nunha cantidade igual á cantidade obxectada ou que a cantidade para devolver -se é “a devolver”- ten que verse aumentada tamén na devandita cantidade.
  • Valida a declaración e dálle a enviar.
  • Envía unha carta ao Ministerio de Facenda anunciando que fixeches Obxección Fiscal ao Gasto Militar e explicando os teus motivos (modelo). Acompaña comprobante do teu ingreso á organización que elixiches como destino alternativo. Garda copia de todo. Pode ser postal (María Jesús Montero, C/ Alcalá, 9. 28071 – Madrid), ou mediante o propio rexistro eléctronico da "Sede Electronica da Axencia Tributaria" podesla incluir como anexo da tuá declaración.

Se non te aclaras moito á hora de realizar de forma informática a túa declaración de IRPF neste ligazón hai un titorial detallado na web Tortuga.

Qué riscos ten?

Si non é aceptada seguramente alegarán motivos técnicos, e pediránche o importe obxetado. Lembra que non estamos a defraudar, é un acto de desobediencia civil co cal pretendemos denunciar o militaristo en xeral e o gasto militar en particulur.

Contacto

Mensaje enviada, gracias!

Copyleft - 2021 - Grazas polos materias gráficos a "El Salto" y "Goldi libre, autorretrato dun insubmiso nos cárceres de Felipe González", se atopas material que non queres que usemos so tes comentalo.